A única comida seca para mascotas feita en Galicia obtén o mesmo selo de calidade cá de consumo humano

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

ACTUALIDAD · Exclusivo suscriptores

Coa certificación IFS Food, a compañía de Vilanova Nugape Pet Food sitúase nun selecto grupo de produtores mundiais no sector da alimentación para animais domésticos. Inmersa en plena expansión, aumentou nun 42,5 % o seu cadro de persoal no último ano

08 dic 2023 . Actualizado a las 12:12 h.

Nugape Pet Food, a empresa que desde o polígono industrial de Tremoedo se erixe na única fábrica galega de penso extrusionado para mascotas (croquetas, galletas...), vén de establecer un novo fito nos seus 18 anos de traxectoria. O propietario e CEO da firma de Vilanova de Arousa, Carlos Pérez, recolleu de mans de José Enrique Rodríguez Coello, director de AENOR en Galicia, a certificación IFS Food. Un exclusivo selo de calidade que, salientan desde a firma arousá, garante que a compañía que o recibe traballa cuns protocolos de calidade e de seguridade tan esixentes como os que se lles aplican aos produtos para consumo humano.

A empresa de Tremoedo conseguira con anterioridade outras das principais certificacións de seguridade, como a IFS Global Market. Con todo, a obtención da IFS Food resulta un enorme salto cualitativo, por canto a sitúa nun selecto grupo mundial de fabricantes do sector da alimentación para mascotas, principalmente cans e gatos, cun proceso de produción equiparable a todos os niveis co requirido á elaboración de comida para as persoas.

De que maneira conseguiu Nugape a IFS Food? Pois, como semella lóxico, superando longos e esixentes exames. Así, explican desde a empresa, auditores independentes da certificadora AENOR supervisaron durante meses os procesos de gobernanza e de compromiso da compañía arousá, poñendo a lupa no control da calidade e da seguridade da súa produción, da xestión de recursos, dos seus procesos operativos e procedendo a exhaustivas medicións e análises de todos os seus produtos.

A International Featured Standards (IFS) é unha entidade independente que emite diferentes certificados de calidade. No caso da norma IFS Food, avalía a capacidade do fabricante de alimentos de producir comida segura, auténtica e de calidade de acordo cos requisitos legais e coas especificacións dos clientes, controlando a trazabilidade de todo o proceso no mercado. As normas IFS están suxeitas á avaliación por parte de organizacións gubernamentais ou privadas.

Inmersa nun plan de crecemento

Con marcas como Cebican, Sandegal, Danna o Dousti e con forte presenza en tres continentes, Europa, Asia e África, Nugape Pet Food leva varios anos preparando un ambicioso plan de crecemento que empezou a ver os seus froitos no 2022 pero que, sinalan desde a compañía, ofrecerá os seus primeiros grandes resultados a partir do 2024. O próximo ano será cando o investimento nunha nova liña de envasado de 1.200 sacos/hora de penso extrusionado para mascotas se deixe notar xa de cheo nunha produción ascendente, como demostra o aumento de 40 a 57 traballadores en nómina no último ano, un 42,5 % máis. Ademais, Nugape ten en carteira a instalación de bombas de calor e 5.000 m2 de placas fotovoltaicas.