Os voluntarios galegos combaten o virus con 300 impresoras 3D

ACTUALIDAD

CAPOTILLO

Os «coronavirusmakers» suman forzas co 061 e as farmacias

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No momento máis duro da pandemia —o xa célebre pico da curva— o material de protección escaseaba e os contaxios multiplicábanse día a día. Na resposta nese período crítico resultou fundamental o papel de moitos voluntarios que deixaron para outro instante os debates e comezaron a fabricar equipos para doalos ao persoal que traballa en primeira liña contra a enfermidade.

Entre estes voluntarios están os que atoparon nunha canle da aplicación Telegram a ferramenta precisa para coordinarse e organizar unha loxística que permitise facer chegar os seus produtos a quen os necesitan. Son os chamados coronavirusmakers galegos. Pertencen aos máis de 15.000 makers que operan en toda España e que, visto o que estaba a acontecer, decidiron facer máis e opinar menos. Os números falan. Os voluntarios galegos teñen fabricado, desde o inicio da crise, 28.821 viseiras de protección facial e 15.809 salvaorellas. O material, explican, foi doado «aos sanitarios, ás residencias de anciáns, forzas de seguridade, bombeiros, servizos sociais, farmacias, Correos e, en xeral, ao persoal exposto que traballa cara ao público».

Alianza co 061 e Cofano

En Galicia, os coronavirusmakers acordaron establecer unha liña de colaboración co servizo de urxencias 061 e coa cooperativa farmacéutica Cofano para fixar as necesidades e prioridades e, logo, tecer unha rede loxística que axilizase as entregas para que o material de protección chegase canto antes ao persoal que traballa cara a cara coa enfermidade.

Nesta campaña, as impresoras 3D convertéronse nun ben moi prezado. Son a ferramenta básica para a produción de viseiras de protección facial, que se imprimen a partir dun deseño xa homologado e testado, e que se facilita a quen queira contribuír á causa desde a súa casa ou oficina. Hai xa en Galicia 300 impresoras 3D traballando para fabricar cada día 1.500 pezas. Grazas ao acordo con Cofano, os voluntarios entregan os seus produtos na farmacia máis próxima, e a cooperativa e o 061 encárganse da recollida e da distribución dos equipos nos hospitais.

É un máis deses pequenos milagres cotiáns que nos deixa esta crise.