O intelectual vigués, que recibiu o premio que leva o nome do pintor de Lalín, lembrou as colaboracións que fixo co artista, ao que coñeceu en 1950
25 feb 2023 . Actualizado a las 00:33 h.Xesús Alonso Montero súmase á lista de persoeiros galardoados co Premio Laxeiro 2023. A entrega do recoñecemento ao intelectual vigués de 95 anos tivo lugar no segundo andar do Museo de Arte Contemporánea, Marco, precisamente na sala que dende onte alberga a exposición titulada Laxeiro e a arte da súa época. No acto participou o presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo, Abel Caballero. O premiado estivo acompañado por outros membros do padroado e persoas achegadas a o polígrafo, ensaísta, filólogo e académico da RAG. O premio foi outorgado por aclamación na reunión ordinaria anual da Fundación Laxeiro, do pasado 30 de novembro, «como recoñecemento ao seu labor nos ámbitos da lingüística, a creación literaria, a edición e a docencia, e o seu compromiso coa cultura galega en xeral».
Alonso Montero o recibiu con emoción e cautela, advertindo, por si houbera confusión, que el non era artista plástico e que entendía que recibía o galardón pola súa contribución á cultura galega en xeral, moi honrado e con inmensa gratitude mais cun pouquiño de perplexidade. Así, continuou a súa intervención comentando as súas colaboracións con artistas plásticos, sempre no eido da edición e a publicación de libros e, seguidamente, relatou o seu primeiro encontro con Laxeiro, en 1950, na taberna chamada Casa Julio, na rúa Urzaiz, rexentada polo irmán de Alonso Montero. Coa súa memoria prodixiosa, contou que alí o viu por primeira vez, calzado con desconcertantes zocos de labrador, en compañía do poeta Celso Emilio Ferreiro, o escritor Emilio Álvarez Blázquez, o director de El Pueblo Gallego, José María Castroviejo, e Domingo Fernández del Riego, farmacéutico moi amigo de artistas e escritores.
Lembrou tamén o seu encontro con Laxeiro e Lala, a súa compañeira, na súa primeira viaxe a Bos Aires en 1969 e falou das tertulias no café Goya, onde había dúas mesas, a literaria e a de artistas plásticos. Seguidamente animou ós estudosos da obra do artista a afondar na súa faceta de ilustrador e aportou exemplos de colaboracións entre ambos como en 1965 nun calendario en lingua galega no que Alonso Montero coordinou a tradución de Platero y yo co subtítulo Homenaxe galego a J. Ramón Jinénez i a Platero; outra en 1966 nun o volume titulado Galicia hoy, editado por Ruedo Ibérico en París; no 1969 nunha edición moi especial do libro de Curros Enríquez, O Divino Sainete, e en 1988, cando no café Goya solicitoulle a Laxeiro un debuxo para a cuberta dunha escolma de textos de Lorenzo Varela. Pola súa banda, Abel Caballero, pechou o acto dicindo que a cultura debía ser tida en conta na dialéctica marxista, como «elemento fundamental de desenvolvemento do ser humano, social, político e económico» e rematou anunciando que ía propoñer que se nomeara ao intelectual vigués membro de honra do padroado, «para poder gozar da súa sabedoría e a súa visión do mundo».