Luisito completa a súa portería cun gardamallas asturiano de 25 anos e deixa fóra do primeiro equipo o canterán David Conde
DEPORTES
A fichaxe de Raúl Rodríguez córtalle o paso ao porteiro titular do Arousa que este curso debutou na División de Honra Xuvenil cun brillante sexto posto final do conxunto arlequinado. O vilagarcián Álex Rodríguez sae cedido ao Céltiga
04 jul 2023 . Actualizado a las 13:31 h.Raúl Rodríguez (25 de xaneiro de 1998) é novo xogador do Arousa. O club vilagarcián anunciou na mañá deste martes a contratación do cancerbeiro asturiano, chamado a ocupar o rol de suplente de Manu Táboas.
Procedente do Real Titánico do Grupo II da Terceira R.F.E.F. (Asturias), Raúl Rodríguez copou a totalidade dos minutos de xogo na portería dun conxunto que rematou a pasada Liga na metade da clasificación. Un ano antes, o novo integrante do cadro de xogadores do Arousa facía o propio nas filas do Covadonga, décimo ao termo do campionato 2021/22, moi lonxe do título que este mesmo club conseguía no curso que vén de rematar, premiado co salto á Segunda R.F.E.F.
Real Sporting B, en Liga Nacional, Llano 2000 e TSK Roces, na División de Honra, figuran na folla de servizos de Raúl Rodríguez na súa etapa xuvenil, que completou sen conseguir asentarse na titularidade de ningún dos tres clubs polos que pasou. A partir de aí, seis temporadas no grupo asturiano da Terceira R.F.E.F., repartidas entre cinco equipos: Colunga, EI San Martín, no que se gañou a titularidade con 20 anos, Tuilla, o único club no que militou dúas campañas, e os mencionados Covadonga e Real Titánico.
A contratación de Raúl Rodríguez a cargo de Luisito Míguez, director deportivo arlequinado con plenos poderes ademais do seu posto de adestrador, córtalle o paso a David Conde. O gardamallas titular do primeiro equipo na historia do Arousa na División de Honra Xuvenil, a máxima categoría do fútbol de formación en España, deberá buscar acomodo noutro club tras ter contribuído ao brillante sexto posto do cadro vilagarcián ao termo da Liga de D.H.X. e despois de acudir convocado a 20 dos 34 encontros oficiais do conxunto de Terceira R.F.E.F.
Álex Rodríguez, cedido ao Céltiga
A posibilidade de ver un xogador vilagarcián a vindeira temporada no primeiro equipo do Arousa mingua inda máis despois de que, a primeira hora da tarde deste martes, a directiva de Manolo Abalo informara da saída de Álex Rodríguez. O canterán, que o verán pasado se incorporaba ás filas do conxunto vilagarcián da Terceira R.F.E.F. tras completar a súa etapa xuvenil, non pode compaxinar os horarios dos seus estudos académicos cos dos adestramentos do cadro de Luisito Míguez. Así as cousas, Álex Rodríguez marchará cedido un ano ao Céltiga de Preferente Galicia, no que traballará baixo a dirección do vilanovés Luis Carro.