O grovense Miguel Conde firma co filial do Sporting de Gijón

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

<span lang= gl >O dianteiro do Grove Miguel Conde, posando coa elástica do Sporting Gijón na súa presentación coma novo xogador do club asturiano</span>
O dianteiro do Grove Miguel Conde, posando coa elástica do Sporting Gijón na súa presentación coma novo xogador do club asturiano Real Sporting de Gijón

Aspira a coincidir no primeiro equipo co catoirense Manu Rodríguez, que comeza a sobresaír no buque insignia do club astur

28 ene 2026 . Actualizado a las 21:48 h.

O fútbol arousán volve facerse un oco no Real Sporting de Gijón. Tras asegurarse a tempada pasada os servizos do mediocentro de Catoira Manu Rodríguez, o club de Mareo adquiriu esta semana no mercado unha nova peza con denominación de orixe na banda sur da ría galega mediante a contratación do dianteiro do Grove Miguel Conde.

Nado en Puerto del Rosario, Fuerteventura, Conde vén de asinar contrato co club asturiano ata xuño do 2027, isto é, por tempada e media. Faino procedente do Deportivo Aragón, filial doutro ilustre da Segunda División, o Real Zaragoza, no que disputou 656 minutos de xogo en dezaseis partidos de Liga no Grupo 2 da Segunda RFEF, cinco deles partindo no once titular.

Logo de coñecer os fundamentos do fútbol na canteira da Unión Sociedad Deportiva O Grove, Miguel Conde pasou, con 13 anos, á base do Celta de Vigo na súa última campaña de infantil, completando a súa formación como cadete e xuvenil na escola da Madroa. No seu derradeiro ano cadete, marcando 31 goles na División de Honra, e nas dúas últimas campañas de xuvenil, 39 na mesma categoría, dispoñendo de minutos no filial celeste de Primeira RFEF.

Miguel Conde inicia a súa traxectoria no club xixonés nas filas do Sporting Atlético, o filial de Tercera RFEF, que ocupa a terceira praza do Grupo 2, en postos de promoción de ascenso. O mesmo filial no que desembarcaba no verán do 2024 o centrocampista catoirense Manu Rodríguez logo de completar a súa formación na canteira do Celta. Conde aspira a seguir os pasos do seu veciño arousán, que logo de asentarse no Sporting Atlético, leva tres meses enrolado no primeiro equipo, no que se está a facer un oco cada vez maior. Titular nos tres partidos do Sporting de Gijón na Copa do Rei, con gol incluído ao Mirandés na segunda rolda, e saíndo de cara nos dous últimos encontros de Liga de Segunda División, completando o último deles noutro cruce de traxectorias arousáns. 

Homenaxe a Jiménez e Claudio

De novo ante o Mirandés, Manu Rodríguez foi testemuña da homenaxe que o club asturiano lles tributou, entre outros, aos seus ex xogadores vilagarciáns Manuel Jiménez e Claudio Silva.