O Asmubal Meaño afiánzase no sexto posto cunha vitoria sobre o Gijón (30-28)
DEPORTES
O equipo de Juan Manuel Costas impúxose na segunda parte tras elevar o seu nivel defensivo
10 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño tirou na noite do pasado sábado do factor cancha para derrotar o Balonmano Gijón, 30-28, e afianzarse deste xeito na sexta praza da clasificación do Grupo A da División Honor Plata Femenina. Un duelo entre os que foran campión e subcampión de conferencia a campaña anterior, condenados hoxe a vivir un curso moi diferente, sen máis motivación que pechar canto antes a permanencia na terceira categoría do balonmán feminino español.
Proba da sintonía das traxectorias que por segundo ano consecutivo manteñen un e outro equipos foi a igualdade extrema durante toda a primeira parte do seu duelo no Pavillón Coirón Dena. Máis polo intercambio de erros que de acertos, o partido rexistrou numerosas igualadas no marcador, co Gijón marcando unha máxima vantaxe de dous goles e índose ao descanso 14-15 arriba.
O paso intermedio por vestiarios permitiulle ao técnico local, Juan Manuel Costas, ordenar o xogo do seu equipo, que á volta á pista tan só precisou pechar algo máis a súa defensa para poder comezar a fabricar numerosos contraataques cos que poñer catro tantos de distancia aos dez minutos da segunda metade, 26-22. A partir de aí, o Asmubal tan só tivo que administrar o seu colchón ante un rival que seguía sen centrarse, para sumar outros dous puntos e situarse con 19 na clasificación, unha puntuación que semella deixar encarrilada a permanencia a falta de nove xornadas.
FICHA DO PARTIDO:
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (30): Irene Ríos, Ana Prol, Sofía Arangio (4), Sabela Miniño (5), María Currás (2), Uxía Varela, Agustina Ballada (5), Claudia Vera (1), Alba Domínguez (1), Laura Miniño (5, de p.), Irene Romero, Luna Otero, Raquel Muñiz (7), Vanesa Domínguez e Shaila Fdez.
BALONMANO GIJÓN (28): Lorena García, Lucía González (3), Saray Trabanco (5), Vide (3), Deva, Durán, Alba González (2), Ana González (5), Inés González (1), Paula Fernández (2), Alicia Rodríguez (5), Adriana Menéndez (1), Alba Piñeira, Cuanda y Pascual (1).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-3, 5-5, 7-6, 9-9, 11-11, 14-15 (descanso); 19-16, 22-19, 23-20, 25-22, 27-24 e 30-28.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Isabel Campo e Marta Rodríguez. Castigaron con 2 minutos a xogadora local Vanesa Domínguez e as visitantes Lucía, Alba, Ana González, Inés González e Pascual.