As opcións de permanencia na Tercera FEB empezan a definirse hoxe para o Sigaltec
DEPORTES
Os de Luis Gabín visitan a un rival directo, o CB Navia asturiano
21 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Consumidos tres cuartos de competición, a pelexa do Sigaltec CLB pola permanencia na Tercera FEB entra hoxe na súa fase decisiva, na que cada vitoria e derrota impulsará ou lastrará con efecto multiplicador o avance do conxunto vilagarcián de cara a evitar os catro últimos postos, os que condenarán á perda da categoría nacional. Co valor de cada partido cotizando ao dobre ou ao triplo. Como o que esta tarde xogan os homes de Luis Gabín na cancha asturiana do CB Navia La Magaya (19 horas).
Décimo terceiro e penúltimo clasificado, o equipo anfitrión conta o mesmo número de partidos gañados, cinco en 18 xornadas de Liga, co pechacancelas, pero tan só un menos co Sigaltec, oitavo na táboa e límite do intervalo de sete equipos, a metade dos que constitúen o Grupo A-B da Tercera FEB, metidos de cheo na guerra pola salvación na marxe dunha vitoria a falta de oito xornadas para o final da competición.
Con estes números na cabeza, e recordando o triunfo arousán por 13 puntos de diferenza na primeira volta, Luis Gabín cualificaba na véspera de «moi transcendente» o seu duelo co CB Navia: «Gañando nós, implicaría sacarlle dúas vitorias máis a diferenza particular, que serían tres, con só sete partidos máis por xogar. Perder, e facelo por máis de 13 puntos colocaría a Navia por riba de nós cos mesmos partidos gañados».
Seis derrotas encadea o cadro asturiano. Unha xeira na que, comenta Gabín, semella ter moito que ver a grave lesión articular de Guillermo Rodríguez, un catro que exercía de xogador de referencia dun equipo que, como o vilagarcián, acaba de chegar á Tercera FEB. Con todo, esta semana o CB Navia fichou a Diamond Onwuka, outro catro, catalán e con pasado na canteira do FC Barcelona, que introduce unha incógnita por despexar no partido.