Asuntos Sociais destinou 16 millóns á Risga e ás Axudas de emerxencia social

La Voz

RETORNADOS

M. MORALEJO

A conselleira María José Cimadevila presentou a memoria do exercicio 2002

05 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? No pasado ano 2002, un total de 6.176 persoas se beneficiaron da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e 1.599 persoas máis recibiron Axudas de Emerxencia Social, segundo se recolle nun informe presentado pola titular de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, María José Cimadevila. A consellería de Asuntos Sociais destinou á Renda de Integración Social de Galicia un orzamento de 14.437.000 euros no pasado exercicio 2002. O importe medio por beneficiario situouse no pasado mes de decembro nos 278,44 euros, namentras que por provincias, o número de beneficiarios da Risga en decembro de 2002 foi o seguinte: 1.825 na Coruña, 477 en Lugo, 529 en Ourense e 1.479 en Pontevedra, o que suma un total de 4.310 persoas. Perfil En canto ó perfil dos beneficiarios, cómpre sinalar que a poboación perceptora da Renda de Integración Social de Galicia sitúase predominantemente no medio urbano, agás na provincia de Ourense, cunha porcentaxe do 28% de beneficiarios en concellos de menos de 10.000 habitantes. Na distribución por sexos, o 69% dos perceptores de Renda de Integración Social de Galicia son mulleres fronte ó 31% correspondentes os homes. Respecto á variable da idade, o 32% das mulleres teñen idades comprendidas entre os 25 e os 35 anos, sendo a mesma porcentaxe para as mulleres de entre 35 e 45 anos. Nos beneficiarios masculinos, o 21% sitúase entre os 25 e os 34 anos e un 28% ten entre 35 e 44. No relativo ó estado civil, o 20% dos beneficiarios están casados, o 28% separados e un 41% están solteiros. En xeral, o nivel de estudios dos perceptores da Risga é moi baixo. Un 52% só teñen os estudios primarios incompletos, un 35% ten estudios primarios e un 5% son analfabetos. O paro (44%) e a monoparentalidade (17%) son as dúas problemáticas máis frecuentes para os perceptores de Risga. Outras circunstancias Ademais destes dous primeiros indicadores xa explicados, o informe da consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais especifica outras circunstancias que poden incidir nos actuais beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia como padecer unha enfermidade física ou psíquica, que representa un sete por cento dos casos, ó igual que a pertenza a unha minoría étnica; a drogadicción, que se da no cinco por cento dos casos; o alcoholismo nunha porcentaxe do tres por cento; o feito de ser emigrante retornado nun un por cento dos casos e a indixencia e a prostitución cunha porcentaxe do un por cento en cada caso.