A roda da vida

Mª. CARMEN ESPASANDÍN

RETORNADOS

ARA SOLIS | O |

21 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ALÁ POLOS anos corenta a roda da vida levara a Tareixa a Bos Aires. Ninguén diría que non fora feliz, aínda así, había veces que baixaba os caínzos das defensas, saía de si e observaba aquela muller que semellaba ser ela. Logo prendía a mirada nun punto. Era cando o Marcial preguntaba: «Tareixa, ¿onde estás?» ¡Como explicarlle que andaba por outras extensas chairas!, ¡por aquelas onde se gardan as palabras eternas, as de verdade! As que quedaran atrás... Agora, poucos podían ser os seus días como emigrante retornada. Cumprira os 80 ao chegar, e estivera fóra sesenta e dous anos. A roda, tan acostumada a mandar, quería pechar a derradeira volta permitíndolle atoparse de novo con el. Tomaron as ilusións, as esperanzas, as tardes de eterna primavera que o destino non lograra murchar. -Tareixa, ¿foi un paréntese a nosa vida? -preguntou el un día-. -¿Que é o tempo, Xurso? Só coñezo a palabra sempre -contestou ela-. Nada máis tiñan que dicir. Faltaron a cita o 16 de maio daquel mesmo ano. Espallaron as súas cinzas pola carballeira da Xesta, á beira do río... Alguén comentou baixiño, con tono tristeiro: -¡Longa se facía a primavera para quen agroma no inverno da vida!