Mal de altura

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

22 oct 2017 . Actualizado a las 09:58 h.

Na primavera do 96, durante o longo período de aclimatación e ascenso ao campamento base, o experimentado alpinista Rob Hall non deixou de advertirlle aos inexpertos pero adiñeirados clientes que o contrataran para subilos ao Everest, que había unha norma fundamental de obrigado cumprimento: Quen non lograra chegar ao cumio antes das 13 horas, debería dar a volta inmediatamente e iniciar o descenso.

A norma que Rob Hall non deixou de repetir ao longo de semanas, ao igual que todos os conxuntos de normas que chamamos Dereito, son construcións humanas de natureza reflexiva, orientadas a compatibilizar intereses contrapostos limitando recíproca e voluntariamente a conduta de cada individuo para garantir o benestar de todos. De ahí, como afirmaba o meu mestre, Carlos Otero, que o sistema xurídico sexa un conxunto de limitacións ás liberdades individuais para facer posibles as liberdades de todos. E así, cando os intereses dos individuos entran en colisión, e non é posible unha coordinación espontánea entre eles de xeito que xorde o conflito, é o dereito, construído reflexivamente e á marxe do caso concreto, o que xera a coordinación; en última instancia imposta a través do monopolio da forza do Estado (que non é outra cousa que o poder dunha comunidade organizado en Dereito).

En 1978 os españois fixeron un grande esforzo de construción reflexiva dun Estado social e democrático de Dereito. Pactaron a través dos seus representantes democráticos, moi maioritariamente, os dereitos que cada quen podía exercer libremente; os límites ao exercicio individual e colectivo deses dereitos; e os mecanismos para restablecer a paz social cando xurdisen conflitos. Introduciron para elo diversos mecanismos; tanto os máis clásicos (independencia do poder xudicial) como os máis avanzados do constitucionalismo contemporáneo, como un Tribunal Constitucional. O pacto en relación coa distribución territorial do poder foi saudado, polos nacionalistas cataláns que participaron no consenso constitucional, como «un punto final a vellas querelas internas» que lle dá «un novo senso á unidade de España» (Roca i Junyent). O pacto incluía, xa desde o primeiro borrador do anteproxecto, un artigo, o 155, destinado a reconducir desde o Estado as desviacións de poder nas que poideran incorrer as Comunidades Autónomas. O texto seguíu o exemplo da Constitución federal alemana do 49, que preserva sempre a Autonomía; e non o da Constitución rexional italiana do 47, que contempla a disolución do Consello Rexional que execute actos contrarios á Constitución. E a última enmenda aceptada ao vixente artigo 155 da Constitución de 1978 foi presentada e defendida no Senado por Josep Benet, electo pola provincia de Barcelona na candidatura Entesa dels Catalans na que se integrara o seu partido, o PSUC. A enmenda engadía o requisito do requerimento previo ao presidente da comunidade autónoma, coa intención de «evitar toda clase de conflitos posteriores».

Naquel mes de maio de 1996 morreron doce persoas no Everest. Todas as que, despois das 13 horas do mediodía, continuaron escalando cara ao cumio e non iniciaron o camiño de volta ao campamento base. O propio Rob Hall, líder da expedición e quen mellor coñecía as consecuencias de non respectar a norma, chegou ao cumio ás 16 horas, e faleceu na baixada, xa preto do campamento base, no medio da tormenta que se desatou ao final do día. Por incumprir as normas que el mesmo se dera. E remato. É sábado, 21 de outubro de 2017. Son as 14.30. Hora e media despois das 13; pero aínda hora e media antes das 16 h.

En 1978 os españois fixeron un grande esforzo de construción reflexiva dun Estado social e democrático de Dereito. Pactaron os límites ao exercicio individual e colectivo deses dereitos.