Berlín, Madrid

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

ANDREAS GEBERT | Reuters

30 sep 2021 . Actualizado a las 09:07 h.

Alemaña pode darlle moitas leccións de política a España. Máis que económicas (moitas mentes patrias só falan de Alemaña para envexar a súa industria), políticas. Porque, máis unha vez, vailles tocar facer goberno de coalición. E farano e, incriblemente, non pasará nada. De feito, Angela Merkel, que pasa á historia como unha especie de Churchill moderna, gobernou en alianza co principal partido da oposición, e non pasou, insisto, nada. Sen embargo, aquí, dende o primeiro instante que se asinou o acordo de goberno entre dous partidos que, cando menos na teoría, se parecen algo, moitos sacaron toda a artillería para que quedase claro que había divisións, grupos e intereses diferentes. Como se non os houbese en todos os grupos humanos.

Eu díxeno dende o primeiro día: fáltanos cultura democrática e sóbranos historia bipartidista. De feito, as voces que tentan convencernos de que o bipartidismo é o mellor, nunca se calaron e están, nos últimos tempos, especialmente activas. Son os que entenden que ou comes carne ou comes peixe. E son millóns os españois que queren un menú máis amplo.

Podemos aprender iso de Alemaña. Ou podemos aprender a tomar decisións boas para a xente. Por exemplo. Veñen de celebrar en Berlín, na capital, unha consulta entre a poboación para preguntarlles sobre a posibilidade de expropiar aos grandes propietarios de vivendas, concretamente aos que teñan máis de 3.000. Realízase a consulta para procurar solucións habitacionais para que a xente poida alugar en condicións dignas, e, polo tanto, para ter unha vida digna. Gañou o si con case que o 57 % dos votos. Isto implicará que lle meten man aos fondos voitre que mercan «ao peso» vivendas para logo especular con elas. Certa alcaldesa de Madrid, hai anos, regaloulles un bo lote de vivendas sociais. En Alemaña veñen de solucionalo e sácanlle a estas empresas especuladoras 250.000 vivendas que pasarán a estar accesibles para a xente. Se tal cousa se plantexase aquí, diríase que o comunismo veu acabar coa liberdade que proclama outra alcaldesa de Madrid distinta, ou non tanto, da anterior.

E, finalmente, poderíamos aprender dos alemáns como xestionar a memoria histórica. Mentres que por aquí se lle volven dar o nome das rúas a franquistas, en Alemaña o simple saúdo nazi é motivo de encarceramento. Hai uns días, co beneplácito da Delegación do Goberno, unha manda de nazis pasearon polas rúas berrando consignas homófobas, co brazo en alto e con emblemas preconstitucionais e fascistas.

Quédanos moito por avanzar en educación política e social. Podemos ir poñendo os ollos en Berlín mellor que en Madrid. É moito máis xusto.