Sobre o glotónimo «eonaviego»

Xavier Frías Conde

OPINIÓN

F. Sotomonte

16 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste inicio de 2022, a RAG fixo público un comunicado en que reclama a cooficialidade do galego para Asturias. Despois de o ler, para min, o que máis chama a atención non é o que di, senón o como o di. Non poño en dúbida que a RAG poida e deba ocuparse dos dereitos dos galegofalantes de calquera parte, mais aquí fallou o como e o cando, pois, para alén de o escrito caer como elefante nunha tenda de louza no Principado, as reaccións en Asturias, como era de esperar, foron de rexeito absoluto, algo absolutamente lóxico.

Con todo, nese escrito fálase da denominación de eonaviego. Sinálase que é un glotónimo cuñado por min en 1999, o cal é certo, e faise un certo percurso del, mais só parcialmente, para acabar dicindo que a denominación de eonaviego non é válida, que o futuro Estatuto de Autonomía de Asturias ten que recoller a denominación de galego e xa, mais os escritos feitos ás carreiras e sen rever envolven contradicións, pois un pouco máis por baixo tórnase a facer referencia ao galego en Asturias que debe ser recoñecido na súa variante eonaviega.

Sen dar entendido por que eonaviego non serve (non hai realmente razóns que o expliquen), en todo ese discurso contra o uso desa denominación hai unha absoluta falta de lóxica. Quen me coñece, sabe que, como filólogo, teño defendido toda a miña vida, e até con ameazas contra a miña integridade física, a pertenza do eonaviego ao diasistema galegoportugués, daquela, por que a RAG no seu escrito afirma que, por eu cuñar eonaviego, se resta identidade ás falas do Eonavia, en que se basea? En que o di a RAG? A miña lóxica, porén, é esta: Cando se fala de aranés, fálase de occitano en Cataluña; cando se fala de valenciano, fálase de catalán no País Valenciano; daquela, cando se fala de eonaviego, fálase de galegoportugués no Eonavia en Asturias.

Se eonaviego nunca foi un problema para a RAG, por que de repente o é? Sabemos que hai grupúsculos na zona eonaviega que negan a identidade do eonaviego, que defenden (sen criterios filolóxicos din que é outra lingua e defínena como ‘galego-asturiano’, apoiándose en que filólogos como Dámaso Alonso lle chamaron así). Mais cando se trata de filoloxía, estes discursos sabemos que non van a ningures, son só de consumo interno, como os do valenciano e o mallorquino seren linguas independentes do catalán. Ademais, hai unha constancia enorme de que o glotónimo eonaviego está a ser cada vez máis aceptado (e o feito de a ALLA utilizalo non é motivo para o rexeitar, entendo eu). Se, por tanto, o futuro Estatuto de Autonomía de Asturias recoñecer o asturiano e o eonaviego como linguas cooficiais de Asturias, hame parecer óptimo, como galegofalante eonaviego que son. Por unha vez, hai un consenso sobre un glotónimo para a segunda das linguas propias de Asturias.

Creo que teño coñecementos de máis para opinar disto por eu ser docente de Filoloxía Galegoportuguesa da UNED, por ter feito a miña tese de doutoramento sobre o eonaviego entre outras variantes e, por riba, ser a miña familia orixinaria do Eonavia.

Todos estes argumentos tratei de os expor nun certo xornal dixital galego, e aínda que nun primeiro momento se mostrasen interesados, parece ser que recibiron instrucións de non me permitiren expresar a miña opinión sobre a cuestión do eonaviego, se cadra porque os castelos de naipes esboroan, así que se lles sopra.

Xavier Frías Conde es profesor de Filoloxía Galegoportuguesa da UNED y Membro do Círculo Lingüístico de Praga