«A arte ten que ser rebelde sempre»
Manolo Chazo, escultor que expón a súa obra na casa de cultura de Vilagarcía «Na miña infancia as avelaíñas eran sinal de boas noticias, dicían que ía chegar carta ó mellor de alguén que estaba embarcado». Sinal de esperanza, de entusiamo. Ese entusiasmo que se reflexa na obra de Manolo Chazo que se expón na casa de cultura de Vilagarcía está presente tamén no seu rostro. Será por iso que o escultor arousano rexeita definir a súa obra, pero matiza que ten que divertilo, sorprendelo, como un neno que se entusiasma ante un novo xogo. Chazo elexiu para esta mostra un conxunto de obras abstractas nas que a natureza é protagonista, unha natureza chea de vida e de cores que se deixa acompañar pola poesía. Se o artista se decantou nos últimos anos pola escultura é pola posibilidade de conxugala coas súas outras dúas aficións, a pintura e a literatura.