20 jul 2002
Craig Patterson: «A lingua galega é un dos tesouros que non morrerán xamais»
Un dos mellores embaixadores da lingua galega é fillo de nai inglesa e pai irlandés, traballa como profesor na Universidade de Birmingham (antes en Oxford) e chámase Craig. Craig Patterson, claro. De vocación, como el mesmo di, «galeguista». Estes días descansa ó pé da costa de Mugardos. No mesmo lugar, por certo, onde Mariana de Neoburgo, despois esposa de Carlos o Enfeitizado, levou unha zoupada ao desembarcar. Onde os mapas falan da Ensenada do Baño, e a xente aínda di o Cú da Raíña. Nesa terra, Patterson reencontra as raíces da alma: un país que non lle vén de nacencia, pero que el xa gañou co corazón.