A parroquia acolle o primeiro dos actos conmemorativos da manifestación que hai 25 anos permitiu recuperar a marisma Aquel 8 de maio era domingo de feira en Carballo. A manifestación non estaba autorizada, pero era un segredo a voces que os veciños de Lema -que despois de tantos anos de loita calada recaban o apoio de todo o movemento nacionalista da época- ían saír á rúa pese a todo. Máis ca unha conciencia ecolóxica, que hai un cuarto de século aínda estaba durmida, o que movía a aqueles milleiros de persoas era un sentido da xustiza, da superioridade do interese público sobre o privado, de rexeitamento a unha extracción masiva e ilícita de áridos que desde anos atrás estaba acabando coa riqueza marisqueira. E xa van 25 anos.
C. A. M.