14 jul 2001
La Voz recupera cunha historia de policías e misterio a tradición da novela por entregas
Marilar Aleixandre gañou o premio convocado polo xornal coa obra «Unha presa de terra» Alguén atopa o cadáver dunha muller dentro dun ascensor. A detective Ana Candeán ten que facerse cargo do caso non por gusto, senón porque llo pide unha amiga que é ademais, irmá da asasinada. Esta é a trama da historia gañadora do primeiro premio de novela por entregas convocado por La Voz de Galicia, e que os lectores poderán seguir nas páxinas do xornal desde o primeiro de agosto co título «Unha presa de terra». Ata que o xurado abriu a plica, ninguén sabía que o seudónimo misterioso de Estella Jones corresponde a unha das grandes plumas das letras galegas: Marilar Aleixandre, quen promete moita emoción no seu relato.