Celso de Valdeferreiros

ASTURIAS

Celso Otero -retratado en 1989 tocando a gaita- faleceu aos 88 anos na súa palloza de Valdeferreiros
Celso Otero -retratado en 1989 tocando a gaita- faleceu aos 88 anos na súa palloza de Valdeferreiros

27 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Valdeferreiros é unha pequena aldea de pouco máis de vinte habitantes que xunto con outros núcleos de poboación, aínda máis pequenos, forman a parroquia dos Coutos, pertencente ao concello asturiano de Ibias. Trátase dun territorio montañoso que en forma de pequena lingua de terra se introduce no mapa de Galicia debido a unha antiga cuestión de herdanzas medievais. Aínda que, administrativamente, pertence a Asturias, os seus habitantes teñen máis relación con Galicia pola proximidade con pobos como Navia de Suarna ou A Fonsagrada en territorio galego, que coa capital do seu concello, Santo Antolín.

Eu coñecín a zona por primeira vez a finais dos anos 80, nun tempo no que andaba a facer fotografías e gravacións de campo por aquelas terras. Teño a sorte de ter alí grandes amigos que me levaban dun lado a outro na procura de músicos naquela orografía, na que percorrer vinte quilómetros era toda unha peripecia, e que chegado o inverno xa se tornaba nunha aventura sen límites. Lembro cando subimos por primeira vez dende Santo Antolín ata o lugar de Valdeferreiros por unha desas estradas que semellaban non ter remate. Cando chegamos, recordo perfectamente unha palloza de planta cadrada cunha antena de televisión chantada e tamén un hórreo adicional coa típica tipoloxía desa comarca teitado con centeo igual que a vivenda. A estampa era espectacular e alí nos detivemos.

Nesa palloza vivía Celso Otero, o gaiteiro de Valdeferreiros ao que iamos gravar. Celso nese momento non estaba na casa, estaba na taberna/tenda do lugar, o espazo de socializar e onde as vidas das xentes comparten momentos despois do traballo diario. Alí tiven a sorte de coñecer a este gran persoeiro e compartir fermosas horas naquela noite. Valdeferreiros e Celso quedaron gravados a lume na miña memoria, e alí con este bardo da nosa tradición, gocei momentos inesquecibles nos que aprendín moitas cousas da música e das tradicións desa comarca. Recentemente recibín a nova do seu pasamento e sentín unha fonda mágoa, así e todo considérome afortunado de telo coñecido, como a moitos outros, humildes portadores dun gran legado cultural.