Chris, neoiorquina en Lugo: «Aprendín a falar galego nuns meses porque quería integrarme como unha máis»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

ESTADOS UNIDOS

MANUEL GUEDE

A auxiliar de conversa deixou atrás o inglés fascinada pola cultura e a hospitalidade dos galegos e, sobre todo, polo baile tradicional

27 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano que Chris deixou a «gran mazá» para ser auxiliar de conversa en Galicia. Primeiro viviu en Noia e este curso trasladouse a Lugo para dar clases de inglés a pequenos de Sarria. Foliadas, panxoliñas, lembranzas ou toxo xa son palabras cotiás do seu vocabulario. Cando chegou, a neoiorquina decidiu aprender galego en vez de castelán: «O idioma é parte da identidade e eu quería coñecer e integrarme na cultura local».

O único vínculo que Chris tiña con Galicia antes de mudarse só era o pouco castelán que aprendeu da súa avoa, que naceu en Filipinas. «A miña avoa, para coñecer máis as súas raíces, viaxou polo norte de España e chegou ata Santiago de Compostela cando miña nai estaba intentando quedarse embarazada. Na catedral, rezou para que iso pasase e finalmente nacín eu», lembra. Na casa, a moza de 23 anos aprendeu as nocións mínimas de castelán coa súa avoa. Precisamente esta historia familiar, cre, foi o que fixo que lle destinaran a súa bolsa en Noia.

Aínda que Chris estudou Ciencias Ambientais, cando acabou a carreira quixo vivir un tempo noutro país e a oportunidade de facelo era dando clases de inglés. Coa bolsa Fullbright puido mudarse a Galicia para ser auxiliar no instituto Campo de San Alberto, de Noia. «Eu sabía que aquí había outro idioma, e en canto cheguei todo o mundo, comezou a falarme en galego», conta. Neses primeiros momentos, a neoiorquina pensou que nunca sería capaz de aprender a lingua, pero o resto de profesores animárona a facelo.

«Sempre me sentín moi acollida, como na casa. Estou moi agradecida a todos os que ensinaron a cultura local»

«Ter que estudar castelán ou galego como novo idioma era o mesmo proceso, así que me apuntei a clases de galego porque en Galicia creo que, por respecto, é o que hai que facer», explica. Alí encontrou máis americanos e coñeceu outros bolseiros de Estados Unidos coma ela que xa cambiaran de idioma e falaban perfectamente galego.

Xantares, foliadas e moito baile galego

Chris comezou a pedirlles aos seus compañeiros de traballo que lle falaran sempre galego. E dende o primeiro minuto asegurou sentirse «moi acollida, como na casa». A súa amiga Ale Franjo, de Santiago, levouna de visita por diferentes sitios de Galicia para contarlle a historia local, o resto de profesores invitárona a cafés ou a xantar nas súas casas, outro mestre xubilado de Sarria levouna a coñecer o castro e a capela da súa aldea así como o patrimonio natural... A neoiorquina quedou fascinaba coa hospitalidade galega e sobre todo coa cultura e a paisaxe. «Ao dar sór 16 horas de clase semanais, tiven moito tempo para estudar galego».

Chris vive actualmente en Lugo e da clases no instituto Frei Luis de Granada de Sarria
Chris vive actualmente en Lugo e da clases no instituto Frei Luis de Granada de Sarria manuel guede

Asegura que a gramática é o que máis lle custa e que lle chocaron algunhas particularidades da lingua como o «nh» ou a «difícil» colocación dos pronomes, pero hai meses que xa deixou o inglés atrás para pasarse completamente ao galego. O que para ela tamén marcou un antes e un despois foi descubrir o baile tradicional e as asociacións que están detrás del. «Gustoume moitísimo o baile pero o mellor foi que me abriu moitas portas para coñecer xente nova que se move arredor das actividades culturais galegas», relata. 

Unha desas citas coas que quedou fascinada foron as foliadas: «A primeira vez que fun, un rapaz díxome 'vémonos nas foliadas', pensaba que era por dicir pero efectivamente seguín encontrándoo». Así, chegou fascinada ata unha das máis populares de Galicia, a da Fonsagrada.

«Nova Iork é unha cidade recente; a min encántame a historia que hai aquí en cada esquina»

O estado de Nova Iork ten a gran urbe, os arredores de suburbio e moito campo e montaña. A Chris encantoulle a paisaxe, por exemplo, de Pena Trevinca, pero asegura que non dista moito dos montes neoiorquinos. O que si lle gusta de Santiago ou Lugo, as cidades onde viviu, é que «hai historia en cada esquina», non como da súa metrópole natal. A moza de 23 anos asegura que levou moi ben o cambio de cidades e que lle gusta o ritmo de vida con maior tranquilidade. «Moitos amigos dicíanme que Lugo ía ser una cidade demasiado calmada para min, pensan que non hai nada, pero non é así, hai moita vida cultural», asegura. 

Na cidade amurallada, Chris continúa coas súas clases de iniciación ao baile galego, aprendendo o idioma e tamén intentanto transmitir aos seus alumnos de Sarria o bonito de coñecer outras culturas. «En Sarria hai moitos nenos de fóra de España e paréceme moi interesante que conserven a cultura do seus país, pero que se integren e descubran a galega, coma min». A neoiorquina ten pensado volver a Estados Unidos para iniciar unha investigación sobre o uso dos espazos públicos para fins culturais, a raíz do visto aquí, pero tamén ten claro o seu novo vínculo: «A miña vida xa non vai estar lonxe de Galicia».