Ucraína frea o avance ruso en Kharkiv, pero as frontes multiplícanse no leste e no sur

Andrés Rey REDACCIÓN / LA VOZ

ACTUALIDAD · Exclusivo suscriptores

Zelenski, onte en Járkov durante unha reunión coa cúpula militar ucraína.
Zelenski, onte en Járkov durante unha reunión coa cúpula militar ucraína. UKRAINIAN PRESIDENTIAL PRESS SER | EFE

A nova estratexia de Moscova consiste en furar as liñas inimigas con grupos de asalto pequenos

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Volodímir Zelenski visitou aos soldados ucraínos onte en Kharkiv (Járkov), probablemente podía sentir as bombas rusas na fronte norte, a menos de 30 quilómetros dalí. A guerra tornouse «extremadamente difícil» para Kiev hai unha semana, cando as forzas de Moscova lanzaron unha ofensiva sorpresa sobre a segunda cidade máis importante do país, aproveitando que o material militar prometido polos aliados aínda non chegara. E os rusos aprenderan dos seus erros.

Sete días despois, cos tanques inimigos oito quilómetros máis preto, Zelenski asegurou que a situación volve estar baixo control. «As nosas tropas inflixen ao inimigo perdas substanciais, pero precisan reforzo», dixo despois de reunirse co xefe do Exército e outros mandos militares na cidade. Porén, segundo analistas do Instituto para o Estudo da Guerra (ISW), esa diminución do ritmo é cousa dos propios rusos: non buscan conquistar Kharkiv de momento; simplemente queren crear unha «zona de amortecemento» na fronteira internacional para facilitar avances posteriores.

Unha finta

A nova táctica de Moscova, explica o ISW, consiste en empregar grupos de asalto máis pequenos, de non máis de cinco persoas, para penetrar as posicións ucraínas. Despois eses escuadróns fusiónanse con outros iguais para crear un grupo de ataque máis grande. E con esa estratexia de desgaste o Exército ruso avanza, de socato, en moitas direccións á vez. De feito, expertos de The New York Times apuntan que posiblemente a ofensiva contra Kharkiv só sexa unha finta, un xeito de desviar a atención das xa debilitadas forzas ucraínas de batallas críticas noutros lugares.

Rusia foi logrando avances pequenos pero xeograficamente amplos en toda a fronte oriental e tamén no sur, en cidades como Robotine e Kherson (Jersón). O que comezou como un modesto avance preto de Avdiivka medrou nas últimas semanas ata converterse nun avultamento de aproximadamente 40 quilómetros cadrados que está complicando a defensa na rexión de Donets'k.

Meses de retraso na asistencia estadounidense polo bloqueo na Cámara de Representantes, un número crecente de baixas (31.000, segundo recoñeceu Zelenski a finais de febreiro) e unha grave escaseza de municións supuxeron un alto prezo, evidente nas expresións exhaustas e as voces sen folgos dos soldados que participan nos combates diarios.

Queda por ver se Rusia conseguirá debilitar as defensas de Ucraína noutras partes da fronteira. Un grande obxectivo, afirma Franz-Stefan Gady, un analista militar radicado en Viena, semella ser afastar á resistencia de Chasiv Yar, unha cidade nunha área estratéxica elevada, onde os ucraínos levan semanas loitando para evitar un ataque.

E, pouco a pouco, Kiev queda sen combatentes. O xeral Kirilo Budánov, xefe da intelixencia militar ucraína, lamentou hai uns días dende un búnker en Kharkiv que foi moi difícil atopar persoal para apuntalar as defensas no noroeste. «Todas as nosas forzas están aquí ou en Chasiv Yar —dixo—. Empreguei todo o que temos. Lamentablemente, non temos a ninguén máis nas reservas».