Choco en salsa

Fronte ás baixísimas temperaturas, un guiso mariñeiro sempre é unha opción acertada

Raciones2

Como non estamos moi afeitos a traballar con este produto optamos polo xeito tradicional de o facer na nosa casa, seguindo os pasos dunha instrutora experta. E lográmolo, conseguimos un prato acorde ao produto. A verdade, con este choco, pouco se había que complicar, xa que de por si só é un verdadeiro manxar cheo de tenrura e sabor.

Se gustades dos cefalópodos, anotade esta receita porque se dá moi ben para facer destacar o elemento principal. E con moi pouco traballo, que tamén resulta importante. Os que valorades un bo choco, entenderédesnos cando denominamos isto como manxar. Desfaise na boca collendo o sabor que lle aporta ese mollo suave. Un mollo que, unha vez rematado o choco, aproveitamos até a fin cun bo pan tradicional. Ideal con bo miolo para recoller a verduriña triturada que nos queda sobrante, e que merece a pena levar tamén ao bandullo.

Ingredientes
1 choco
1 tomate
1 cebola
Medio pemento verde
Medio pemento vermello
2-3 dentes de allo
1 vaso de viño branco
Medio vaso de aceite
Un chisco de sal
Instrucciones
  1. Cortamos o choco en dados.

  2. A continuación, poñemos a pota ao lume, sen nada de aceite e, cando estea quente, engadimos o choco. Deixamos que se cociñe até que mude a cor, aproximadamente entre 5 e 7 minutos.

  3. Deixamos que evapore un pouco a auga que soltou e engadimos os allos machucados cun chisco de sal.

  4. Mesturamos moi ben e engadimos a cebola, que debe estar ben picadiña.

  5. Cociñámola durante 2-3 minutos e agregamos os pementos, tamén, ben ficados finamente.

  6. Mesturamos de novo e cociñamos durante 4-5 minutos. Logo engadimos o tomate, cortado en anacos pequenos.

  7. Mesturamos ben e botamos o aceite e o viño branco.

  8. Agora temos dúas opcións. Se o facemos nunha pota normal, deberemos cociñar o choco a lume medio durante aproximadamente 1 hora. Nós, neste caso, utilizamos unha pota rápida e levoulle, máis ou menos, 20 minutos, mais o tempo que tarda en abrir a pota.

  9. Pasado ese tempo, temos que probar se está brandiño e se o punto de sal está ao voso gusto.

  10. E xa está preparado para comer! Que aproveite!

Autor Bolboretas no bandullo é un proxecto gastrocultural comprometido co noso idioma e cultura de Diana e David, profesores de lingua e autores do libro "Cociñando con Bolboretas no bandullo" www.bolboretasnobandullo.com
Comentarios

Choco en salsa